luns, 27 de febreiro de 2017

LOS MORADORES DE LA NOCHE, 2º A

Ignacio Charrán é un xornalista que recibe un importante encargo: visitar no Congo á doutora Wickedwhole, unha recoñecida zoóloga que se mostra pouco colaboradora e lle prohíbe o acceso ao seu laboratorio.
Durante a súa estancia no Congo, algo estraño ocorre polas noites, cando á xanela de Ignacio se asoma un estraño ser ao que apenas entrevé na escuridade. Disposto a pescudar o que ocorre, a última noite da súa estancia na casa decide perseguir a esa cousa e entra no laboratorio prohibido.
A partir de aí, non lembra nada e repite dúas palabras unha e outra vez: O horror! O horror!
Aquí o proxecto de lectura desta misteriosa novela de Manuel Alfonseca.

sábado, 25 de febreiro de 2017

ENTROIDO NO CLUB DE 1º B+C+AULA PT

Como xa anunciabamos, este grupo tiña unha sorpresa para o entroido. Coa axuda de Escarlatina, Elena organizou un obradoiro de cociña pavoroso, arrepiante, tremebundo... e tamén terrorificamente riiiicooooo. 
Queremos que o repitan!!!!!
Grazas tamén a Andrea (profe de Plástica) pola súa colaboración.
MESA DOCE DE ESCARLATINA on PhotoPeach
Elaboraron suculentos pratos: ollos aterrecedores, vasoiras de bruxas, cadaleitos, mans sinistras, cocteis sanguinolentos...
Mirade como se organizaban.




martes, 21 de febreiro de 2017

ADIVIÑA

Quen de vós será capaz
de lograr adiviñar
que pensa Elena tramar
con mesa, gorro e delantal?
😋 😋 😋
Coa axuda de Escarlatina,
o seu club moito maquina.
 Enmeigarán a cociña
con larpeiradas divinas?
🍪 🍬 🍭 🍮 🍯 🍰


 

luns, 20 de febreiro de 2017

FINALISTA

Resultado de imagen de iv certame de relato curto
No libro que recolle os relatos do IV certame de relato curto, podedes ler este que foi finalista na categoría de Secundaria. A autora, Genoveva Longueira Pereira, de 3º B participou sendo alumna do IES Castelao, Vigo.
Esperamos lela de novo nesta convocatoria; a ela e a vós.
O País do Revés
Era unha vez unha nena chamada Onika, a cal vivía nas aforas da cidade cos seus pais.
Unha mañá de decembro, seu pai entrou ao seu cuarto cunha caixa e díxolle:
—Filla, isto é para ti. Un pequeno agasallo polas túas boas notas.
A nena deulle un bico e, ao abrir a caixa, descubriu un pequeno gatiño de cor negra e ollos verdes.
Co tempo, o gato, ao que chamou Tim, converteuse no seu mellor amigo.
Unha noite, mentres durmía, escoitou unha voz que lle dixo:
—Onika, necesitámoste.
Sobresaltouse, prendeu a luz e agudizou o oído, pero non escoitou nada. De súpeto, oíu miañar no armario, achegouse e abriuno. Entón viu o seu gato Tim, que lle dixo:
—A miña familia e mais eu precisámoste.
A nena, estrañada, replicou:
—Co-como é que podes...?
—Non importa. Tes que vir comigo.
Saíron pola fiestra, xa que a súa casa era de planta baixa.
—Dirixímonos ao bosque. Debemos acabar con eles canto antes —explicou Tim.
—Pero, acabar con quen? —dixo Onika.
—Temos que darnos présa —o gato apurou o paso.
Chegaron ao bosque e Tim dirixiuse a un tronco oco. Entraron e a nena decatouse de que semellaba máis pequeno do que era.
Cando chegaron, a nena non podía dar crédito ao que vía.
Centos, quizais miles de gatos miañaban desconsolada e desesperadamente sobre cadeiras. No chan, millares de ratos ríanse e mordíanos.
 Onika, desconcertada e cos ollos coma pratos, preguntoulle a Tim:
—Que é o que acontece?
O gato, fitándoa aos ollos, respondeulle:
—Nunca estiveches no País do Revés?

venres, 17 de febreiro de 2017

PREPARANDO O ENTROIDO, 1º B+C+AULA PT

Este club de 1º estanos preparando, para o Entroido, unha suculenta sorpresa coa cociñeira Escarlatina. Que será?, que será? Saberemos deles seguro.😋😋
Pero mentres, tamén se ocupan de decorar o cole coas súas aportacións. Aquí os temos en plena faena.


xoves, 16 de febreiro de 2017

DÍA DE ROSALÍA

Hoxe, día 24 de febreiro, cando fai 178 anos do nacemento de Rosalía de Castro, o poema "Adiós ríos, adiós fontes", a imaxe da autora e o logotipo de Google cun escudo de Galiza, conforman o doodle que Google dedica a Rosalía no seu aniversario.
Para recordar a súa figura, Biblogcañiza ofrece unha compilación de recursos.