venres, 18 de novembro de 2022

ESMERALDINA, 6º PRIMARIA

Coa obra de Ledicia Costas comezamos a actividade.

Nas cociñas do hotel Fantastique, a pequena Esmeraldina é feliz, aprendendo todos os trucos culinarios da man da súa avoa A Tremenda, unha chef de sona mundial.

Un andazo de febre escarlatina acaba coa vida da nena, empezan a chegar ao hotel defuntos de todas as procedencias, e Esmeraldina, axudada por Lady horreur e Nicotina, aprende a ser unha pantasma de verdade.

A ficha de lectura da editorial Xerais tamén nos pode axudar na lectura ou os book tráiler da novela realizados polos "youtubeiros" do CPI Viaño Pequeno (Trazo).

Seremos capaces de facer algo similar? A intentalo!!!

luns, 14 de novembro de 2022

MEDRAMOS!!!!!!!!!

Encantados este curso coa resposta entusiasta do alumnado. Aos 10 grupos de Secundaria, súmase un en 6º de Primaria!

E aínda pode haber máis cambios pois sabemos que algún profe máis está interesado.


venres, 11 de novembro de 2022

MENTIRA, 4º ESO A+B

Temos tan boas referencias que decidimos comezar co primeiro da triloxía de Care Santos.
Xenia loita por sacar as mellores notas, pero ultimamente o seu rendemento académico está baixando. O que ocorre é que Xenia se namorou, pero non dun rapaz do seu redor, senón dunha pantasma, dunha voz que xorde da Internet e coa que comparte a súa paixón pola lectura.
Como o seu amor virtual non quere concertar unha cita, decide localizalo e presentarse ante el por sorpresa. Investigando, descobre que todo é mentira: nin a foto nin o nome do rapaz son reais. Cal é a verdadeira identidade da súa alma xemelga?
Plan lector aquí.
E tamén en audiolibro.
A ter en conta...
Recordade que esta novela forma unha triloxía xunto con Verdade e Medo, que tamén vos están agardando na biblioteca.

UNHA ESTRELA NO VENTO, 3º ESO A

Os integrantes do Club de lectura de 3ºA terán a oportunidade de ler a novela "Unha estrela no vento", da autora viguesa Ledicia Costas.
A novela trata a peripecia de Miguel Foz, un rapaz de dezasete anos que vai coñecer   unha moza xitana que, no intre de venderlle unha rosa, cambiará a súa vida por completo. As paixóns, a amizade, o amor, a violencia, a infidelidade e a traizón mestúranse nesta historia que non olvida tampouco problemas sociais como o acoso escolar ou a integración das minorías étnicas.
Conta tamén cun proxecto de lectura.
Quen se anima a ser un "booktuber" como este alumno de Allariz? Agardamos as vosas creacións.

O CORAZÓN DA BRANCA DE NEVE, 1º ESO C

Para tomar contacto co grupo, en 1º C elixiron esta novela policial e de suspense de Francisco Castro, que xira arredor das pescudas do inspector Hermida para atopar unha bebé roubada a unha rapaza inmigrante.
Un reto para un inspector sagaz, ante o caso máis difícil da súa carreira de investigador.

DÉIXAO MEDRAR, 1º ESO B

Paio e o fútbol serán os protagonistas desta entrega de Silvestre Gómez Xurxo.
Paio ten catorce anos e é moi bo xogando ó fútbol. As persoas que están a carón do rapaz manteñen discursos diferentes: o seu pai cre que pode chegar ata o máis alto e facerse rico e famoso; súa nai, o mesmo que o adestrador do equipo, desexa que Paio xogue e se divirta sen pensar en condicionantes extradeportivos. E ademais está Ana, a rapaza coa que anda a vivir unha tenra e emotiva historia de amor, de quen Paio non ten interese ningún en separarse. O conflicto xorde cando un equipo dos grandes se interesa seriamente pola súa fichaxe.
Temos tamén unha guía de lectura.
Para motivar podedes ver esta película que tedes na biblioteca ou en Orientación.

GRITARÉ TU NOMBRE, 2º ESO C

 
Karole Cozzo traenos unha novela moi emotiva e cargada de sorpresas. A protagonista, Jordyn, sempre foi a irmá paciente e comprensiva, facéndose ao carón mentres o tempo dos seus pais consómese no coidado do seu irmán, Phillip, que ten autismo.

Agora Jordyn cambiouse a un novo instituto e sente que é a oportunidade que estaba a esperar para empezar de novo: está decidida a ocultar a existencia do seu irmán. Pero as mentiras teñen un custo e Jordyn non tarda en darse conta de que, se segue afastando a todo o mundo da súa vida para que non descubran o seu secreto, podería perdelo todo, incluído a Alex, por quen sente algo moi especial.

Como punto de partida para entender mellor a Phillip podemos ver:

  • O documental “María y yo”, que trata a vida de María, filla do debuxante Miguel Gallardo.
  • Esta magnífica película que conta a conmovedora historia, baseada en feitos reais, dun corentón con Síndrome de Asperger e unha nena de 8 anos.

EL LIBRO DE LOS ROSTROS, 2º ESO D

Ana Alonso e Javier Pelegrín son coautores da nova proposta.
Se na vida real es unha persoa sen vida social, na internet podes ser quen ti queiras: alguén máis sociable, máis divertido, máis atrevido... distinto.
Iso é o que pensa Eva, a protagonista, unha estudante de 2º de Bacharelato que non ten moitos amigos. A súa familia anímaa a saír, pero non consegue forxar ningunha amizade coa xente que ten ao redor.
Por iso, Eva abre unha conta falsa en Facebook baixo o nome de Julia Espada, e pronto comezan as solicitudes de amizade e as mensaxes privadas. Con todo, nada é o que parece e poida que Eva se meta nunha lea máis grande que simplemente mentir no seu nome. Suplanta a identidade dunha blogueira moi reivindicativa que conta con moitos inimigos.
Para reflexionar...

AS LÁGRIMAS DE SHIVA, 3º ESO B

Este grupo decidiu comezar cun histórico nos nosos grupos, a obra de César Mallorquí: As lágrimas de Shiva.
Enigmas, misterios, obxectos moi valiosos perdidos durante décadas... vinganzas, amores prohibidos, estrañas desaparicións... son algúns dos elementos que podemos atopar nas Lágrimas de Shiva.
Houbo un fantasma, si, e un vello segredo oculto nas sombras, pero tamén houbo máis...

 
Animádesvos a descubrilo?
A editorial tamén nos ofrece o Plan Lector: 
Podemos tamén escoitalo en audiolibroE incluso podedes continuar con "O círculo escarlata".
A por el!!

CÓMO MOLO, 1º ESO A+D

A terceira entrega de Manolito Gafotas de Elvira Lindo foi a opción elixida neste grupo.
A Manolito Gafotas encantaríalle ter un pobo ao que ir de vacacións no verán coa súa familia. Mentres os seus amigos lle escriben postais desde destinos exóticos como Carcagente ou Miranda de Ebro, o barrio de Carabanchel (Alto) parece un planeta abandonado. Pero Manolito non tardará en darse conta de que as aparencias enganan. Entre a aventura na piscina co avó Nicolás, as guerras de pés co Imbécil na casa da Luisa, a tía viquinga que chega desde Noruega e o seu novo amigo «de toda a vida», ao final o verán en casa mola moito máis do que parecía a primeira ollada.

REBELDES, 2º ESO B

Rebeldes, de Susan E. Hinton foi a elección deste grupo.
Uns adolescentes neoiorkinos vense envoltos nunha complicada aventura pola inimizade entre dúas bandas. Tras unha pelexa, e sen ser culpables, Johnny e Ponyboy teñen que fuxir.
Durante a fuxida, Johnny arrisca a súa vida por salvar uns nenos dun incendio... e pérdea. Ponyboy regresa a casa cos seus irmáns decidido a volver ao instituto e abandonar unha vida tan chea de perigos.
Tamén podedes descargar a guía de lectura.

xoves, 10 de novembro de 2022

INVISIBLE, 2º ESO A

Eloy Moreno con Invisible narra, a través dos ollos dun neno, unha historia que podería ser a de calquera de nós.
O libro, ademais, é como un crebacabezas no que o lector non sabe que está a ocorrer ata que aos poucos todo vai tomando forma. Porque... quen non desexou algunha vez ser invisible e quen non desexou algunha vez deixar de selo?
En definitiva, un libro que trata o tema do  bullying desde unha perspectiva distinta: desde a da xente que mira e non actúa.
O autor ofrece incluso unha guía didáctica para traballar a lectura.