luns, 22 de outubro de 2018

O PRINCIPIÑO, 1º A

O Principiño do aviador francés Antoine de Saint-Exupéry, é un conto filosófico que, baixo a aparencia dun conto infantil, aborda temas tan profundos como a vida, a morte, o amor, a amizade...


Algunhas actividades sobre a obra aquí. E para motivar a lectura tamén.

FENRIS EL ELFO; 2º A+B

É o cuarto libro de Crónicas de la Torre de Laura Gallego; unha serie que relata a historia de Dana e a súa relación especial con  Kai, o seu amigo e protector.
Fenris é un elfo moi especial. Ten grandes poderes e, nas noites de lúa chea, unha forza inexplicable arrástrao ata convertelo nun ser asombroso. O amor por  Shi- Mae e o seu enfrontamento con personaxes poderosos no Reino dos Elfos van determinar o seu futuro. Aquí comeza a súa viaxe ata a Torre, situada no Val dos Lobos.

venres, 19 de outubro de 2018

22 SEGUNDOS, 3º ESO

Con Eva Mejuto e 22 segundos inauguramos o ano.
"Son Álex, un mozo transexual. Abro este vlog para compartir con vós a miña vida. Quen me coñeza e estea a ver este vídeo entenderá moitas cousas, ou mesmo non comprenderá -ou non quererá comprender- nada. O distinto asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse tantas cousas... E por iso fago este vídeo, porque non quero ter máis medo, nin vergoña de ser quen son."Antes de que lle dese tempo a pensar, conectou a cámara co ordenador. Vinte e dous segundos. Ese foi o tempo que tardou o arquivo en subir á rede. "22 segundos"
 Ficha do libro aquí.
Motivaremos o diálogo con esta curta sobre os estereotipos e sobre a aceptación dun mesmo.

mércores, 17 de outubro de 2018

O MEU PESADELO FAVORITO, 1º D

María Solar tráenos aquí a curiosa historia dun neno con febre e dunha repartidora de bicos, un bar onde todo o mundo di mentiras, un alien que se move polos sumidoiros, un dinorrinco… Un pesadelo? Quizais un fermoso soño feliz.

luns, 15 de outubro de 2018

15 OUTUBRO, DÍA DAS ESCRITORAS

COS PÉS NO AIRE, 1º B

Agustín Fernández Paz coa breve novela Cos pés no aire guiará a primeira reunión deste grupo.
O protagonista desta narración é Daniel, un adulto solitario que non soporta a súa vida monótona e gris, e que malgasta o tempo tratando de non destacar entre o resto da xente. Un día, Daniel descobre que posúe unha calidade excepcional: pode voar, elevarse polo aire cando queira. Por unha banda, séntese exaltado e feliz e, por outra, teme que a súa singularidade o converta nun marxinado. Terá que idear múltiples estrataxemas para non ser descuberto, ata que a casualidade o pon en contacto con outras persoas como el.
Cos pés no aire é unha historia sobre as dificultades que poden ter as persoas que por algunha razón son diferentes, e sobre a necesidade de asumir esas diferenzas desde a propia valoración e a autoestima.
Guía de lectura