Amosando publicacións coa etiqueta 24-25. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 24-25. Amosar todas as publicacións

xoves, 12 de febreiro de 2026

FUXE SEN MIRAR PARA ATRÁS, 4B

Velocidade, aventura, vertixe, mareo, pánico, dor.... dúas semanas chegan para cambiarlle a vida a Enrique, o protagonista.
E como di Héitor, «cando se foxe, non hai que mirar cara a atrás».
Luis Leante presenta unha historia que non defraudará. Guía lectura.
.

venres, 23 de maio de 2025

ENDEREZO DESCOÑECIDO, 4A

Enderezo descoñecido de Kressmann Taylor conta a sorprendente historia de Max (xudeu) e Martin (alemán) dende o momento en que este último retorna ao seu país, coincidindo co ascenso do partido nazi.
Esta obra, que representa unha das máis estarrecedoras arengas contra o nazismo, publicouse por primeira vez en 1938 e chegou a estar na lista de libros prohibidos do Reichskommisar.
A autora reflectiu a realidade política e social da Alemaña nazi e baseouse nunha historia real que lle contaron acerca duns íntimos amigos (un xudeu e outro alemán), que se distanciaron por motivos políticos, quedando a súa vella amizade rota para sempre.

xoves, 15 de maio de 2025

DE EXCURSIÓN, 2025

Coma sempre, pechamos o curso coa xornada de convivencia nun parque multiaventura e na praia.
Polo menos non choveu!!!

sábado, 10 de maio de 2025

PREPARANDO A EXCURSIÓN

Como queremos ir de excursión e facelo por poucos cartos, sacamos á venda cousiñas que nos fixeron os de Polos Creativos.

Grazas a todos por colaborar. Quen quere?




martes, 6 de maio de 2025

A MEMORIA DOS PAXAROS, 3A

 

Coa novela de Teresa González Costa despedímonos.

A aparición dun mozo inconsciente nunha reserva de aves a noite do Samaín coincide cunha serie de fenómenos estraños que se empezan a dar na vila. Os despoxos de paxaro aparecen polos camiños, escóitanse chíos arrepiantes e hai cortes de luz inexplicables. A sombra dun terrible ser mitolóxico emerxe das tebras, ao tempo que un especulador de terreos asegura ter a solución a todos os problemas. Celeste, a filla do ornitólogo e mais dunha investigadora da mitoloxía das aves, vai tentar descubrir que hai detrás de todo o que está a pasar. Que se repita ou non a traxedia que tivo lugar poucos anos atrás depende talvez da memoria que algunhas persoas valentes gardan do tempo en que as catro pedras con nome de paxaro eran veneradas.

Conta con ficha de lectura e tamén podedes ler as primeiras páxinas.

AMOR DOS QUINCE ANOS, MARILYN, 1B

Agustín Fernández Paz rende homenaxe ao cine e aos mitos nestes cinco relatos. Como ocorría en Contos por palabras, son os anuncios breves dos xornais a orixe destes textos, que aquí teñen unha meirande complexidade e extensión. Un vampiro solitario vaga polas rúas da noite coruñesa, na procura do seu alimento cotiá. Unha man bota no lume unha foto, que se resiste a arder mais que acaba feita cinza, coma un soño que se esvaece. Un fantasma que regresa, como cada vinte e cinco anos, ao vello pazo familiar… Estas son algunhas das situacións que fixeron nacer os relatos deste volume.
Recordamos ao seu autor.

venres, 4 de abril de 2025

A ILLA DE TODAS AS ILLAS, 4B

Xabier P. DoCampo narra a aventura de tres rapaces nunha illa deserta que non ten nome, pero a que todos chaman Navalleira. Puxéranlle ese nome os mariñeiros, porque nela había moitas navallas; pero agora, segundo lles conta o patrón do barco que os leva alí, só quedan brétemas mestas e espíritos. Algúns mariñeiros que chegaran á illa buscando navallas volveran a terra dicindo que escoitaran voces e que viran xentes que lles falaban en todas as linguas do mundo e que vestían como os que veñen nos libros antigos.

domingo, 30 de marzo de 2025

INVISIBLE, 1AC

Os alumnos deste club xogaron co título para recoller o que o libro lles transmitiu. Aquí algún exemplo.

Gabriel Benito Blanco, 1º ESO A

Gabriel Mota González, 1º ESO C

sábado, 15 de marzo de 2025

INVISIBLE, 2C

Nós tamén nos unimos ao club de Invisible.


Nesta campaña de Vanish para Brasil,  o protagonista é un neno que sofre acoso escolar e que, confrontado a diario con burlas e violencia, prefire replegarse sobre si mesmo e utilizar o silencio a modo de coraza.

xoves, 6 de marzo de 2025

CARTAS DE INVERNO, 3B

Este clásico de Agustín Fernández Paz porá unha pinga de misterio nas reunións dos de 3º B.

Despois dunha longa estadía en Québec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atopa as cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que tal vez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar.
A editorial tamén conta cunha guía de lectura.
E na biblioteca contamos, tamén, coa versión de Antonio Seijas en banda deseñada.

REDES, 1AC

Rematado Invisible, había que continuar.

Unha reflexión do impacto que a curto e longo prazo pode ter e ten o consumo de algo que xa está na nosa vida diaria como unha adicción máis.
Frustración, ansiedade, acoso, tristeza, quizá sexan os sentimentos que máis se tratan nesta novela en contraposición ao que as redes sociais venden de maneira habitual: felicidade constante. Unha felicidade que vivimos a través de pantallas en lugar de traballala na vida real. Unha felicidade que se mide en likes, en interaccións e en comparacións coa vida doutras persoas.
E recordade, confiar en calquera é expoñerse a calquera.



sábado, 1 de marzo de 2025

MEDO, 4A

Despois de Mentira e Verdade de Care Santos, agardabamos a continuación con interese.
Hai veces na vida dalgunhas persoas en que de súpeto ocorre algo que o cambia todo. O medo. Medo a vivir. Medo a non soportar a vida. Medo a ter que facelo. Medo a non saber como. Medo ao medo.
Tamén trata dos celos. Os celos destrúennos por dentro. A miúdo, tamén por fóra. Os celos destrúeno todo. E sempre pagamos por eles un prezo demasiado alto. Como Eric, como  Xenia, como Hugo. Porque aprender a vivir nunca é fácil.

sábado, 1 de febreiro de 2025

EL AMOR ES DEMASIADO COMPLICADO, 1B

Andrés Guerrero conseguiu plasmar a dualidade do amor, a simpleza e complexidade dun mesmo sentimento, nunha serie de viñetas e historias curtas que fan que nos sintamos identificados.
Está compilación fala das barreiras físicas que son só iso: físicas, que non impiden que os sentimentos afloren. Tamén fala de amores non correspondidos ou do correspondidos pero aínda non recoñecidos, e de amores equivocados. Por suposto non podería deixar de lado os amores dixitais, que nacen nas  apps de  ligoteo que todos coñecemos.

mércores, 29 de xaneiro de 2025

SI TÚ QUIERES, 3A

 

Sonia Mirón acompáñanos con esta novela sobre Dani, un mozo que vive encerrado en si mesmo. Nos estudos é un desastre, a relación coa súa nai deixa moito que desexar e Sara, o amor da súa vida, nin se fixa nel. Que pode ocorrer para que todo isto se poña patas para arriba e o seu mundo comece a virar?

luns, 27 de xaneiro de 2025

GRITARÉ TU NOMBRE, 3C

 
Karole Cozzo traenos unha novela moi emotiva e cargada de sorpresas. A protagonista, Jordyn, sempre foi a irmá paciente e comprensiva, facéndose ao carón mentres o tempo dos seus pais consómese no coidado do seu irmán, Phillip, que ten autismo.

Agora Jordyn cambiouse a un novo instituto e sente que é a oportunidade que estaba a esperar para empezar de novo: está decidida a ocultar a existencia do seu irmán. Pero as mentiras teñen un custo e Jordyn non tarda en darse conta de que, se segue afastando a todo o mundo da súa vida para que non descubran o seu secreto, podería perdelo todo, incluído a Alex, por quen sente algo moi especial.

Como punto de partida para entender mellor a Phillip podemos ver:

  • O documental “María y yo”, que trata a vida de María, filla do debuxante Miguel Gallardo.
  • Esta magnífica película que conta a conmovedora historia, baseada en feitos reais, dun corentón con Síndrome de Asperger e unha nena de 8 anos.