Amosando publicacións coa etiqueta Animación lectora. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Animación lectora. Amosar todas as publicacións

venres, 6 de marzo de 2026

O CENTRO DO LABIRINTO, 3B+C



Con esta novela, Agustín Fernández Paz ubícanos no 2054. Será tan diferente?

A mediados do século XXI, a doutora Sara Mettmann, membro da organización que rexe os destinos de Europa desde a sombra, viaxa a Galicia acompañada polo seu fillo David. A misteriosa desaparición de David será o inicio dunha cadea de desconcertantes sucesos que, coma un estraño pesadelo, acabará arrastrándoos a unha aventura que cambiará para sempre as súas vidas e talvez o destino da humanidade.

xoves, 12 de febreiro de 2026

FUXE SEN MIRAR PARA ATRÁS, 4B

Velocidade, aventura, vertixe, mareo, pánico, dor.... dúas semanas chegan para cambiarlle a vida a Enrique, o protagonista.
E como di Héitor, «cando se foxe, non hai que mirar cara a atrás».
Luis Leante presenta unha historia que non defraudará. Guía lectura.
.

xoves, 5 de febreiro de 2026

EL SUEÑO DE BERLÍN, 1A

Ana Alonso e Javier Pelegrín son os creadores desta novela.
Ana é unha adolescente con TOC (trastorno obsesivo compulsivo). Cando Bruno, o seu compañeiro de clase, se decata do problema, tenta axudala. Con moito ímpeto, pero tamén con descoñecemento, animaraa a que se apunte á viaxe de fin de curso e poida cumprir un dos seus soños: visitar, en Berlín, a cabeza de Nefertiti. 
Doutra banda, a vida familiar de Ana non está exenta de tensións. O seu pai anímaa para que sexa como as mozas da súa idade, mentres que a súa nai quere que se medique e sobreprotéxea.

Que importante é a motivación, non si?
  
Conta tamén cun proxecto de lectura.
Se queredes empezar a ler, podedes facelo aquí.

mércores, 4 de febreiro de 2026

ANXOS EN TEMPOS DE CHUVIA, 4AB


Miguel Vázquez Freire tráenos a historia dunha rapaza e tres rapaces que morren na madrugada viguesa dun sábado nun accidente de automóbil.
Moncho, irmán de Anxos, a rapaza falecida non quere aceptar as explicacións oficiais sobre a causa do accidente. A partir deste momento Moncho actúa coma un investigador, si, coma un detective que anda na procura de pegadas. Pero, en certo modo, coma un detective ó revés, porque o que Moncho busca non son as pegadas dun crime, senón pegadas dunha inocencia.
A novela, cunha trama artellada moi coidadosamente, aborda temas tan actuais como os accidentes de tráfico, a droga, a sida, o rock bravú, a lingua e a identidade galegas, o amor, a iniciación á sexualidade adulta...

venres, 16 de xaneiro de 2026

LAZARILLO DE TORMES, 3A

Buscando un clásico que rompa moldes?
Esta novela anónima, que inaugurou a picaresca española, narra con ironía e realismo as peripecias de Lázaro, un antihéroe que loita contra a fame e a hipocrisía social. Unha lectura perfecta para debater sobre a supervivencia, a moral e a evolución dun personaxe inesquecible.


martes, 13 de xaneiro de 2026

ASTÉRIX E CLEOPATRA, 1C

Astérix e Obélix enfróntanse a unha nova misión: construír un palacio para a mesmísima Cleopatra!
Se ata temos unha singular adaptación en galego.

INVISIBLE, 1A

Eloy Moreno con Invisible narra, a través dos ollos dun neno, unha historia que podería ser a de calquera de nós.
O libro, ademais, é como un crebacabezas no que o lector non sabe que está a ocorrer ata que aos poucos todo vai tomando forma. Porque... quen non desexou algunha vez ser invisible e quen non desexou algunha vez deixar de selo?
En definitiva, un libro que trata o tema do  bullying desde unha perspectiva distinta: desde a da xente que mira e non actúa.
O autor ofrece incluso unha guía didáctica para traballar a lectura.

luns, 12 de xaneiro de 2026

TEMBLOR, 3C

Na seguinte lectura, Temblor de Maggie Stiefvater, os membros do Club de lectura de 3º C tremerán. Será de medo ou de amor?
Grace, unha moza moi práctica e independente, coñece a un mozo, Sam, que esperta nela familiaridade, pero tamén inquietude.
Poderán superar os obstáculos que existen nas súas vidas?
 

Aquí o primeiro capítulo.

sábado, 10 de xaneiro de 2026

¡MALDITO D.N.I.!, 4AB

Con Pepe Carballude ¡Maldito DNI! continuamos.
Con esta novela chéganos a decisión de morrer legalmente e así vivir á marxe da burocracia moderna. Este desexo, ben doado nun principio, non resulta tan sinxelo e Olimpio Montes pronto comprende o difícil que se fai vivir indocumentado nun mundo controlado pola información.

mércores, 5 de novembro de 2025

MENTIRA, 4C

Temos tan boas referencias, que decidimos comezar co primeiro da triloxía de Care Santos.
Xenia loita por sacar as mellores notas, pero ultimamente o seu rendemento académico está baixando. O que ocorre é que Xenia se namorou, pero non dun rapaz do seu redor, senón dunha pantasma, dunha voz que xorde da Internet e coa que comparte a súa paixón pola lectura.
Como o seu amor virtual non quere concertar unha cita, decide localizalo e presentarse ante el por sorpresa. Investigando, descobre que todo é mentira: nin a foto nin o nome do rapaz son reais. Cal é a verdadeira identidade da súa alma xemelga?
Plan lector aquí.
A ter en conta...
Recordade que esta novela forma unha triloxía xunto con Verdade e Medo, que tamén vos están agardando na biblioteca.

xoves, 9 de outubro de 2025

DIARIO DA OUTRA MANIÁTICA, 4B

 

Con Ann McPherson e Aidan Macfarlane comezamos a actividade.
Susie, unha rapaza de 16 anos, escribe o seu diario íntimo, seguindo ao seu irmán Peter Payne, autor do Novo diario dun xove maniático. Desde o seu punto de vista feminino, Susie escribe sobre o sexo, o amor, anorexia, febres glandulares, depresión, morte, SIDA, dietas, exames, anticoncepción, divorcio, vermes, estrés, piollos e moitas cousas máis.
No diario inclúe recortes, folletos, cartas e fragmentos de xornais e revistas sobre problemas que lle preocupan, anotacións das aventuras de Pete e doutros acontecementos, bos e malos, da súa vida familiar.
Saber o que pensa unha rapaza de dezaseis anos sobre as cousas máis normais da vida, saber que opina dos detalles que pasan desapercibidos para case todos os maiores é o tema central deste interesante libro no que os feitos están narrados dende un punto de vista natural, sinxelo, sen erros de interpretación.
Os autores, dous médicos, móstrannos as preocupacións dunha adolescente en temas como o sexo, a SIDA, o aborto, sempre dun xeito ameno, claro e sobre todo formativo e actualizado, sen tabús de ningún tipo.

TRECE ANOS DE BRANCA, 1B

A nova lectura deste grupo será Trece anos de Branca de Agustín Fernández Paz.
Sinopse:
"Branca está enferma de hepatite. Desde hai nove días está na cama e ten que gardar repouso absoluto durante cinco ou seis semanas. Unha eternidade! Encima ten que pasar o seu aniversario así, e é un aniversario importante: trece anos. Ese día regálanlle un álbum de fotos e súa nai proponlle que o complete para non se aburrir. E así, pouquiño a pouco, Branca vai lembrando distintos episodios da súa vida que nos permiten ir coñecendo como é e como foi esta rapariga de trece anos. A súa infancia, a súa forma de vivir, os problemas dos seus pais, o colexio, o seu primeiro amor… son escenas que van xurdindo grazas ao efecto evocador dunhas vellas fotografías."
Aquí podedes ver algunhas estratexias de animación á lectura e actividades para a clase que recolle a editorial Rodeira-Edebé no seu plan lector.

luns, 6 de outubro de 2025

OLLOS DE AUGA 3º ESO B+C

Comezamos coa novela coa que Domingo Villar iniciou a súa andaina na narrativa policial en galego, 

Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O seu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños.

AS LÁGRIMAS DE SHIVA, 3º ESO A

Este grupo decidiu comezar cun histórico nos nosos grupos, a obra de César Mallorquí: As lágrimas de Shiva.
Enigmas, misterios, obxectos moi valiosos perdidos durante décadas... vinganzas, amores prohibidos, estrañas desaparicións... son algúns dos elementos que podemos atopar nas Lágrimas de Shiva.
Houbo un fantasma, si, e un vello segredo oculto nas sombras, pero tamén houbo máis...

 
Animádesvos a descubrilo?
A editorial tamén nos ofrece o Plan Lector: 
Podemos tamén escoitalo en audiolibroE incluso podedes continuar con "O círculo escarlata".
A por el!!

venres, 3 de outubro de 2025

EL SÓTANO, 2BC

Eliximos para as nosas reunións a Natasha Preston e El sótano. Se entras, atraparate... así nos anima a propia autora.
Catro mozas encerradas por un secuestrador. Elas son as súas flores, as súas perfectas e puras flores. Pero canto tempo poderán sobrevivir dentro do soto?

Aquí o primeiro capítulo

mércores, 1 de outubro de 2025

BONE, 4C

Comezamos cun antigo éxito nos clubs de lectura: Bone 1, Lejos de Boneville, de Jeff Smith. Elixida pola revista Time como unha das 10 mellores novelas gráficas de todos os tempos.
A historia de tres primos -Fone Bone, Phoney e Smiley- expulsados de Boneville e perdidos nun enorme e descoñecido deserto. Tras diversos incidentes reuniranse na cidade de Barrel Haven alleos á conspiración que se tece en torno a eles e sen percatarse de que as súas aventuras só acaban de comezar.

Como aperitivo, analizade nesta viñeta con que velocidade lles chega o inverno. Sorprenderanos a nós igual?

OLFATO DE DETECTIVE, 2A

 
Christine Nöstlinger consegue crear, con Olfato de detective, novela de misterio verosímil e adaptada ao seu público.
Aínda que o pareza, Yago non é irmán de Pups, Tete e Wuzi Zwoch, só é o neno da veciña. Pero a verdade é que pasa con elas máis tempo que na súa casa e, cando os Zwoch herdan o chalé dunha tía afastada, ten sentimentos atopados. Si, alégrase por elas… pero, por moi preto que estea a casa nova, xa non será o mesmo.
Con todo, non todo é como as irmás Zwoch soñan. A súa tía tiña moito diñeiro, iso sabíao todo o mundo, pero non aparece por ningunha parte. A casa está en moi malas condicións e os seus pais non poden permitirse restaurala. Por iso Yago, Pups, Tete e Wuzi póñense a buscar entre as cousas da anciá. O diñeiro ten que estar en algures!

martes, 30 de setembro de 2025

EL ORDENADOR ASESINO, 1C

Pode asasinar un computador? Por que, se non, morreron seis persoas ante un OMNIA 3 en menos dun mes? Existe algunha conexión entre esas mortes?
Unha moza inspectora de policía está disposta a pescudalo aínda a risco da súa vida, e o resultado das súas pescudas conducirá ao lector a unha arrepiante conclusión: detrás da pantalla ocúltase un adversario tan inesperado como perigoso...
Serán capaces os lectores deste club de desentrañar o misterio?
Acaso corremos algún perigo con tanta dixitalización?

LA INCREÍBLE HISTORIA DE LA ABUELA GÁNSTER, 1A

 Estreámonos co libro de David Walliams

Guía de lectura

venres, 23 de maio de 2025

ENDEREZO DESCOÑECIDO, 4A

Enderezo descoñecido de Kressmann Taylor conta a sorprendente historia de Max (xudeu) e Martin (alemán) dende o momento en que este último retorna ao seu país, coincidindo co ascenso do partido nazi.
Esta obra, que representa unha das máis estarrecedoras arengas contra o nazismo, publicouse por primeira vez en 1938 e chegou a estar na lista de libros prohibidos do Reichskommisar.
A autora reflectiu a realidade política e social da Alemaña nazi e baseouse nunha historia real que lle contaron acerca duns íntimos amigos (un xudeu e outro alemán), que se distanciaron por motivos políticos, quedando a súa vella amizade rota para sempre.