luns, 18 de abril de 2022

HISTORIAS PARA CALQUERA LUGAR, 1º ESO C

Despedimos a temporada con esta colección de relatos.

Cinco relatos, ilustrados por Miguelanxo Prado, onde se mesturan a intriga, o humor e a emoción; historias que atrapan sen remedio a atención de quen as le.

A CASA DO MEDO, 2º ESO A

Comezamos con este libro de Agustín Fernández Paz.
O narrador desta historia, un home adulto, regresa á vila na que transcorreu a súa infancia, asociada na súa memoria a unha traumática experiencia vivida daquela. Decidido a saldar dunha vez por todas as contas co pasado, relata o que lle aconteceu tras quedar pechado no enigmático caseto que espertaba os temores da cativada de Valverde. Para volver reunirse cos seus e abandonar ese lugar de encerro, o protagonista terá que superar as probas do cruel Señor das Serpes e lograr regresar con vida da Illa da Lúa.
Un relato que nos interna nunha aventura marcada polo medo e unha tensión que se intensifica consonte van avanzando as páxinas.

mércores, 6 de abril de 2022

OS MÁIS LIDOS POLOS CLUBS NO 20-21

Como en anos anteriores, trala revisión das memorias dos Clubs de lectura do curso 2020/2021, pódese coñecer a relación dos 50 títulos máis lidos polos clubs nese período.

venres, 1 de abril de 2022

O CORAZÓN DE BRANCA DE NEVE, 1º ESO D

Mergullámonos na historia policial e de suspense de Francisco Castro, que xira arredor das pescudas do inspector Hermida para atopar unha bebé roubada a unha rapaza inmigrante.
Un reto para un inspector sagaz, ante o caso máis difícil da súa carreira de investigador.
 

xoves, 31 de marzo de 2022

O CORAZÓN DE XÚPITER, 4º ESO B

 Ledicia Costas acompáñanos na última lectura.

Non foi doado para Isla mudar de cidade e empezar de cero nun novo instituto. Devecía por dar un paseo polo espazo, avistando planetas a través do telescopio, mergullada no ventre do universo. Casiopea, o nome da tartaruga máxica de Momo, era o nick que empregaba nos foros sobre astronomía nos que participaba adoito. Alí coñeceu a Xúpiter, alguén que semellaba saber moito de estrelas. As longas conversas até ben entrada a madrugada prenderan unha luz, entre os dous existía unha maxia que traspasaba as fronteiras do ciberespazo. Isla sentiu a necesidade de sabelo todo sobre Xúpiter: onde vivía, a que instituto ía, o seu nome real... Quedaron para se coñecer nunha noite de San Xoán de cacharelas e mar embravecido. Foi entón, despois de despedirse da súa amiga Mar, cando Isla se precipitou na escuridade. A súa vida estaba a piques de cambiar para sempre.