xoves, 26 de outubro de 2017

MARTES, DE 9 A 12, 1º C

Jordi Sierra i Fabra con esta novela plantexa unha trama de intriga que ha sorprender ao alumnado do club de 1º C.
Gabriel é obxecto dun secuestro rápido: tres horas, cen mil euros de rescate e unha soa comunicación máis para informar sobre o lugar do intercambio. E Mariasun, a súa noiva, convértese en testemuña dos feitos.
Ela, sen dubidalo nin un segundo, decide perseguir aos secuestradores coa súa motocicleta. Son as 9 da mañá dun martes calquera.

mércores, 25 de outubro de 2017

ESCARLATINA... 1º A+B


Con Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas, "cociñarán" os de este grupo.
Román é un neno de 11 anos que naceu o día de defuntos. Perdeu ao seu avó e, por culpa da crise, algún dos costumes da súa vida. Polo seu aniversario recibe un inesperado agasallo. Empeza aquí o seu contacto co inframundo. Escarlatina, unha pequena virtuosa da cociña falecida no século XIX lévao ao máis aló, e xuntos deberán elaborar a receita perfecta para vivos e mortos.
A editorial, Xerais, ofrécenos incluso unha guía de lectura.

mércores, 18 de outubro de 2017

SIN NOTICIAS DE GURB, 3º C

Este grupo estrénase con Sin noticias de Gurb de Eduardo Mendoza
Perdido na Barcelona preolímpica, o extraterrestre Gurb pon ao servizo da súa supervivencia a estraña cualidade de adoptar o aspecto que lle apeteza, mentres o seu compañeiro alieníxena inicia a súa procura.
Esta novela apareceu orixinalmente publicada  por entregas no xornal O País no 1990; onde a podemos aínda ler.

xoves, 12 de outubro de 2017

TRISTES ARMAS, 2º

Marina Mayoral cóntanos a historia de dúas nenas exiliadas en Rusia, de dous amigos que se atopan en bandos opostos, dunha muller loitadora... e sobre todo unha historia de amor.
Tristes armas presenta dende un punto de vista sinxelo e profundamente humano algúns episodios da Guerra Civil, desde o punto de vista dos que non combateron, pero que sufriron as súas terribles consecuencias.
Existe tamén, aínda que en castelán, unha proposta de lectura da que se poden aproveitar ideas.

xoves, 28 de setembro de 2017

EL CUENTO DE LA CRIADA, ADULTOS

A novela de Margaret Atwood foi a elixida para a reunión do 3 de novembro.


Amparándose no medo ao terrorismo islámico, os gobernantes deciden suprimir a liberdade de prensa e os dereitos das mulleres. Neste contexto, na República de Gilead, Offred só serve para procrear, tal como impoñen as férreas normas establecidas pola ditadura que domina o país. Se Defred se rebelase ou non fose capaz de concibir, só lle esperaría a morte en execución pública ou o desterro.
A vida das mulleres está controlada ata o mínimo: alimentación, indumentaria, actividades... todo, agás o pensamento e o desexo que resulta incontrolable.
Esta novela leva trinta anos nas librerías con escaso éxito Será agora a serie que nela se inspira o auténtico trampolín para a lectura?

mércores, 27 de setembro de 2017

AQUÍ DE NOVO


Os profesores do club de lectura xa andan á procura de lectores.
Podedes vir, aínda que sexa só a probar.
Despois, se non vos interesa o que ofrecemos..., tan amigos!!!
Animádesvos?