martes, 19 de maio de 2026

domingo, 17 de maio de 2026

DE EXCURSIÓN

Fixemos o fin de festa no Fornelos Wake CLub, con actividades de aventura. A pesar de que o día estivo frío, as ganas de pasalo ben e de compartir unha xornada diferente puideron máis que as baixas temperaturas.

sábado, 9 de maio de 2026

COS TÍTULOS CREAMOS HISTORIAS, 4AC

Partindo de títulos literarios, os clubs de 4º construíron unha historia e con ela un vídeo. Aquí algún exemplo.
AINHOA DE AMORIN, 4C

ARIADNE RODRÍGUEZ, 4C
LUCÍA PEREIRA, MARÍA GIRÁLDEZ, 4A

MIREYA SALAZAR, 4A

luns, 4 de maio de 2026

A SOMBRA DESCALZA, 4AB

¡O club de lectura de 3º de ESO xa ten novo reto! Este mes mergúllanse nas páxinas de "A sombra descalza", unha das obras máis emotivas e premiadas da escritora viguesa An Alfaya.

A novela lévanos da man de Elsa, quen tras unha morte na familia, comeza a tirar dun fío cheo de segredos, ausencias e silencios que doen. É unha historia sobre a memoria, sobre descubrir quen foron realmente os nosos antepasados e como as súas vidas configuran quen somos nós hoxe.

Mentres ledes, ide pensando: ata que punto coñecemos a historia da nosa propia familia? É mellor saber a verdade, aínda que doa, ou vivir no silencio?

Guía lectura.

EL FARO DE LOS ACANTILADOS, 3A

José Luis Martín Nogales soubo empregar moi ben os seus coñecementos como profesor de Literatura, para trenzar a trama desta novela. Nela aproveita o desenvolvemento dos acontecementos, para levar aos lectores a obras literarias clásicas.
Nun pequeno pobo do norte, mentres o país se atopa sumido en plena Guerra Civil, un mestre desaparece sen deixar rastro. Os seus alumnos, Branca, Yago, Fátima e David, non se resignan á ausencia e comezan a súa procura, sen ser conscientes de onde se meten.
Un caderno con escritos do mestre, os seus libros con anotacións e o misterioso farero achegarán pistas. A través dos libros irán coñecendo ao que era o seu mestre e serán seducidos polo rumoreo da literatura.
Para contextualizar axudará este vídeo.

venres, 1 de maio de 2026

A VELLIÑA VELLA, 1º

A profesora de galego, Jessica, que ademais leva o club de 3BC, propúxolle aos clubs de 1º transformar A velliña Vella, de Risco, nunha banda deseñada.
A ver con que nos sorprenden.

sábado, 25 de abril de 2026

GAÑADORAS ENFIANDO VERSOS, IV

A participación foi moi proveitosa, pois cinco das seis gañadoras pertencían a algún dos clubs de lectura.
GAÑADORES ENFIANDO VERSOS IV, 2025-2026 de MEPP

venres, 17 de abril de 2026

DÍA DO LIBRO, 2026

Os bookfaces participantes no concurso xa poden verse na exposición. Ata podedes elixir o mellor. Pode ser un dos vosos.

venres, 10 de abril de 2026

EL ORDENADOR ASESINO, 2BC

Este grupo copia a primeira lectura de 1º C: El ordenador asesino, do autor francés Christian Grenier.
¿Pode asasinar un ordenador? Trala lectura desta novela que conxuga ciencia-ficción, relato policíaco e suspense, poderemos resolver a cuestión.

martes, 10 de marzo de 2026

ENFIANDO VERSOS, IV

ENFIANDO VERSOS IV (A) de MEPP

DIARIO DE GREG 10, 1A

Mergullámonos nesta décima aventura, na que Greg se enfronta a unha situación moi diferente: intentar vivir durante un tempo como se fose “á vella escola”, é dicir, sen tanta tecnoloxía nin comodidades modernas.
Seriamos capaces de pasar unha semana enteira sen móbil, videoxogos ou internet?
Estes vídeos poden ser un punto de partida interesante para entender o estilo: moito humor, situacións incómodas e aventuras na vida diaria dun rapaz que intenta sobrevivir á escola e á familia.
 

venres, 6 de marzo de 2026

JULES VERNE E A VIDA SECRETA DAS MULLERES PLANTA, 1C


Ledicia Costas convídanos a unha viaxe que parte dun feito real: a visita do xenio francés á cidade de Vigo, en 1884.
O 21 de maio de 1884 Jules Verne chegou a Vigo a bordo do seu impoñente iate. O afamado novelista levaba moito tempo atrás da pista das misteriosas mulleres planta. Lograría por fin, logo de tantos anos de busca, atopalas naquela baía? Na botica do vello Philipot custódiase un importante segredo: alí, aparentando normalidade, viven a avoa Melisa e Violeta, dúas mulleres rodeadas dun halo de misterio. A chegada de Jules Verne á botica revolucionará as vidas desta singular familia. O tempo esgótase: a avoa Melisa está enferma e necesitan atopar unha cura. Mais hai ocasións en que non se pode loitar contra a forza da natureza. Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta é unha homenaxe ás novelas de aventuras, unha viaxe no tempo cargada de maxia onde todo é posible.

Guía de lectura

Na seguinte entrevista, a autora explica o proceso de creación da novela e a mestura de realidade histórica e fantasía.  
  En Historias de papel (RNE), a escritora conversa sobre a homenaxe que esta novela lle rende a Vigo, aos libros de aventuras e ao propio Jules Verne.

O CENTRO DO LABIRINTO, 3B+C



Con esta novela, Agustín Fernández Paz ubícanos no 2054. Será tan diferente?

A mediados do século XXI, a doutora Sara Mettmann, membro da organización que rexe os destinos de Europa desde a sombra, viaxa a Galicia acompañada polo seu fillo David. A misteriosa desaparición de David será o inicio dunha cadea de desconcertantes sucesos que, coma un estraño pesadelo, acabará arrastrándoos a unha aventura que cambiará para sempre as súas vidas e talvez o destino da humanidade.

xoves, 12 de febreiro de 2026

INVISIBLE, 1A

Os alumnos deste club xogaron co título para recoller o que o libro lles transmitiu. Aquí algún exemplo.

Gabriel Benito Blanco, 1º ESO A

Gabriel Mota González, 1º ESO C

FUXE SEN MIRAR PARA ATRÁS, 4B

Velocidade, aventura, vertixe, mareo, pánico, dor.... dúas semanas chegan para cambiarlle a vida a Enrique, o protagonista.
E como di Héitor, «cando se foxe, non hai que mirar cara a atrás».
Luis Leante presenta unha historia que non defraudará. Guía lectura.
.

xoves, 5 de febreiro de 2026

EL SUEÑO DE BERLÍN, 1A

Ana Alonso e Javier Pelegrín son os creadores desta novela.
Ana é unha adolescente con TOC (trastorno obsesivo compulsivo). Cando Bruno, o seu compañeiro de clase, se decata do problema, tenta axudala. Con moito ímpeto, pero tamén con descoñecemento, animaraa a que se apunte á viaxe de fin de curso e poida cumprir un dos seus soños: visitar, en Berlín, a cabeza de Nefertiti. 
Doutra banda, a vida familiar de Ana non está exenta de tensións. O seu pai anímaa para que sexa como as mozas da súa idade, mentres que a súa nai quere que se medique e sobreprotéxea.

Que importante é a motivación, non si?
  
Conta tamén cun proxecto de lectura.
Se queredes empezar a ler, podedes facelo aquí.