Miguel Vázquez Freire tráenos a historia dunha rapaza e tres rapaces que morren na madrugada viguesa dun sábado nun accidente de automóbil.
Moncho, irmán de Anxos, a rapaza falecida non quere aceptar as explicacións oficiais sobre a causa do accidente. A partir deste momento Moncho actúa coma un investigador, si, coma un detective que anda na procura de pegadas. Pero, en certo modo, coma un detective ó revés, porque o que Moncho busca non son as pegadas dun crime, senón pegadas dunha inocencia.
A novela, cunha trama artellada moi coidadosamente, aborda temas tan actuais como os accidentes de tráfico, a droga, a sida, o rock bravú, a lingua e a identidade galegas, o amor, a iniciación á sexualidade adulta...