domingo, 16 de novembro de 2025

25N

Grazas á colaboración de Polos creativos, comezamos a venda de pulseras coas que conseguir cartos para a excursión do club.
Queredes axudarnos comprando algunha?

xoves, 13 de novembro de 2025

ANAGNÓRISE, 4A

 

María Victoria Moreno preséntanos a Nicolau Arís, un rapaz con problemas que un día decide deixar os estudios no Instituto e marcha a Madrid co propósito de encontrar a uns amigos que se dedican a negocios relacionados co tráfico da droga. A viaxe en autostop faina cunha muller intelixente, de nome celosamente oculto, que o recolle na estrada, e coa cal fala durante as horas que pasan xuntos dentro do coche. Xa no destino, Nicolau e a súa amiga ocasional sepáranse sen que o rapaz saiba o nome dela. Ó remate, despois de que Nicolau entre en contacto cos compañeiros que o agardan en Madrid, irá buscar a súa amiga. Só entón saberá o seu nome.

mércores, 5 de novembro de 2025

MENTIRA, 4C

Temos tan boas referencias, que decidimos comezar co primeiro da triloxía de Care Santos.
Xenia loita por sacar as mellores notas, pero ultimamente o seu rendemento académico está baixando. O que ocorre é que Xenia se namorou, pero non dun rapaz do seu redor, senón dunha pantasma, dunha voz que xorde da Internet e coa que comparte a súa paixón pola lectura.
Como o seu amor virtual non quere concertar unha cita, decide localizalo e presentarse ante el por sorpresa. Investigando, descobre que todo é mentira: nin a foto nin o nome do rapaz son reais. Cal é a verdadeira identidade da súa alma xemelga?
Plan lector aquí.
A ter en conta...
Recordade que esta novela forma unha triloxía xunto con Verdade e Medo, que tamén vos están agardando na biblioteca.

xoves, 9 de outubro de 2025

O CENTRO DO LABIRINTO, 4A



Con esta novela, Agustín Fernández Paz ubícanos no 2054. Será tan diferente?

A mediados do século XXI, a doutora Sara Mettmann, membro da organización que rexe os destinos de Europa desde a sombra, viaxa a Galicia acompañada polo seu fillo David. A misteriosa desaparición de David será o inicio dunha cadea de desconcertantes sucesos que, coma un estraño pesadelo, acabará arrastrándoos a unha aventura que cambiará para sempre as súas vidas e talvez o destino da humanidade.

DIARIO DA OUTRA MANIÁTICA, 4B

 

Con Ann McPherson e Aidan Macfarlane comezamos a actividade.
Susie, unha rapaza de 16 anos, escribe o seu diario íntimo, seguindo ao seu irmán Peter Payne, autor do Novo diario dun xove maniático. Desde o seu punto de vista feminino, Susie escribe sobre o sexo, o amor, anorexia, febres glandulares, depresión, morte, SIDA, dietas, exames, anticoncepción, divorcio, vermes, estrés, piollos e moitas cousas máis.
No diario inclúe recortes, folletos, cartas e fragmentos de xornais e revistas sobre problemas que lle preocupan, anotacións das aventuras de Pete e doutros acontecementos, bos e malos, da súa vida familiar.
Saber o que pensa unha rapaza de dezaseis anos sobre as cousas máis normais da vida, saber que opina dos detalles que pasan desapercibidos para case todos os maiores é o tema central deste interesante libro no que os feitos están narrados dende un punto de vista natural, sinxelo, sen erros de interpretación.
Os autores, dous médicos, móstrannos as preocupacións dunha adolescente en temas como o sexo, a SIDA, o aborto, sempre dun xeito ameno, claro e sobre todo formativo e actualizado, sen tabús de ningún tipo.

TRECE ANOS DE BRANCA, 1B

A nova lectura deste grupo será Trece anos de Branca de Agustín Fernández Paz.
Sinopse:
"Branca está enferma de hepatite. Desde hai nove días está na cama e ten que gardar repouso absoluto durante cinco ou seis semanas. Unha eternidade! Encima ten que pasar o seu aniversario así, e é un aniversario importante: trece anos. Ese día regálanlle un álbum de fotos e súa nai proponlle que o complete para non se aburrir. E así, pouquiño a pouco, Branca vai lembrando distintos episodios da súa vida que nos permiten ir coñecendo como é e como foi esta rapariga de trece anos. A súa infancia, a súa forma de vivir, os problemas dos seus pais, o colexio, o seu primeiro amor… son escenas que van xurdindo grazas ao efecto evocador dunhas vellas fotografías."
Aquí podedes ver algunhas estratexias de animación á lectura e actividades para a clase que recolle a editorial Rodeira-Edebé no seu plan lector.

luns, 6 de outubro de 2025

OLLOS DE AUGA 3º ESO B+C

Comezamos coa novela coa que Domingo Villar iniciou a súa andaina na narrativa policial en galego, 

Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O seu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños.