mércores, 15 de novembro de 2023

ESMERALDINA, APOIO

Coa obra de Ledicia Costas comezamos a actividade.

Nas cociñas do hotel Fantastique, a pequena Esmeraldina é feliz, aprendendo todos os trucos culinarios da man da súa avoa A Tremenda, unha chef de sona mundial.

Un andazo de febre escarlatina acaba coa vida da nena, empezan a chegar ao hotel defuntos de todas as procedencias, e Esmeraldina, axudada por Lady horreur e Nicotina, aprende a ser unha pantasma de verdade.

A ficha de lectura da editorial Xerais tamén nos pode axudar na lectura ou os book tráiler da novela realizados polos "youtubeiros" do CPI Viaño Pequeno (Trazo).

Seremos capaces de facer algo similar? A intentalo!!!

sábado, 11 de novembro de 2023

REBELDES, 2AB

Rebeldes, de Susan E. Hinton foi a elección deste grupo.
Uns adolescentes neoiorkinos vense envoltos nunha complicada aventura pola inimizade entre dúas bandas. Tras unha pelexa, e sen ser culpables, Johnny e Ponyboy teñen que fuxir.
Durante a fuxida, Johnny arrisca a súa vida por salvar uns nenos dun incendio... e pérdea. Ponyboy regresa a casa cos seus irmáns decidido a volver ao instituto e abandonar unha vida tan chea de perigos.
Tamén podedes descargar a guía de lectura.

mércores, 8 de novembro de 2023

UNHA ESTRELA NO VENTO, 3C

Os integrantes do Club de lectura de 3ºC terán a oportunidade de ler a novela "Unha estrela no vento", da autora viguesa Ledicia Costas.
A novela trata a peripecia de Miguel Foz, un rapaz de dezasete anos que vai coñecer   unha moza xitana que, no intre de venderlle unha rosa, cambiará a súa vida por completo. As paixóns, a amizade, o amor, a violencia, a infidelidade e a traizón mestúranse nesta historia que non olvida tampouco problemas sociais como o acoso escolar ou a integración das minorías étnicas.
Conta tamén cun proxecto de lectura.
Quen se anima a ser un "booktuber" como este alumno de Allariz? Agardamos as vosas creacións.

martes, 7 de novembro de 2023

EL ORDENADOR ASESINO, 2C

Pode asasinar un computador? Por que, se non, morreron seis persoas ante un OMNIA 3 en menos dun mes? Existe algunha conexión entre esas mortes?
Unha moza inspectora de policía está disposta a pescudalo aínda a risco da súa vida, e o resultado das súas pescudas conducirá ao lector a unha arrepiante conclusión: detrás da pantalla ocúltase un adversario tan inesperado como perigoso...
Serán capaces os lectores deste club de desentrañar o misterio?
Acaso corremos algún perigo con tanta dixitalización?

xoves, 2 de novembro de 2023

ASTÉRIX E CLEOPATRA, 3B

Astérix e Obélix enfróntanse a unha nova misión: construír un palacio para a mesmísima Cleopatra!
Se ata temos unha singular adaptación en galego.