domingo, 31 de xaneiro de 2016

LA AMIGA ESTUPENDA, ADULTOS

Para o 1 de abril, Elena Ferrante lévanos ao mundo napolitano de La amiga estupenda.
Dúas mozas napolitanas, Elena (a narradora) e Lila, comparten unha amizade complexa, cargada de competitividade, agarimo, receo, complicidade...
Co paso dos anos, as nenas medran para preocuparse por cousas de adulto e a contorna de paixóns e violencia que os rodea, incomprensible cando eran nenas, comeza a cobrar novos significados e a esixir novas decisións.
Un petisco.

mércores, 20 de xaneiro de 2016

CHAMÁBASE LUÍS - 2º C

Chamábase Luís de Marina Mayoral será a nova proposta, unha vez rematado Un pouco de abril, algo de maio...
Luís, trinta anos, dous fillos de trece e oito anos. Drogadito dende os vinte, vivía sen traballar a costa da familia e do que sacaba en arrepañar no alleo. Luís é un ser humano que se consome, fráxil coma un vidro. A súa familia é arrastrada na mesma desesperación, sempre entre o amor e a impotencia, a rabia e a resignación.

ESCARLATINA... CLUB LECTURA 2º B

Á volta do Nadal, o club de 1º A+2º B escíndese para seguir camiños diferentes.
Os variados intereses, idades, actitudes e aptitudes  explican a separación que se manifesta, por suposto, na elección de lecturas.
Con Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas, "cociñarán" nas vindeiras semanas os de 2º B.
Román é un neno de 11 anos que naceu o día de defuntos. Perdeu ao seu avó e, por culpa da crise, algún dos costumes da súa vida. Polo seu aniversario recibe un inesperado agasallo. Empeza aquí o seu contacto co inframundo. Escarlatina, unha pequena virtuosa da cociña falecida no século XIX lévao ao máis aló, e xuntos deberán elaborar a receita perfecta para vivos e mortos.
A editorial, Xerais, ofrécenos incluso unha guía de lectura.

mércores, 6 de xaneiro de 2016

TRES PASOS POLO MISTERIO, 3º A+C

Esta obra de Agustín Fernández Paz foi elixida por estes grupos de 3º.

Son tres relatos nos que a presenza do misterio ocupa un lugar central. En cada un deles unha persoa narra un suceso desacougante e inexplicable que acabou por mudar de xeito profundo a súa vida.