martes, 25 de novembro de 2014

DIARIO DE GREG 5, 1º A+B

A quinta entrega do Diario de Greg será a primeira lectura do grupo.
Greg Heffley sempre tivo présa por medrar. Pero, agora que empeza a facerse maior, de veras resulta todo tan divertido? De pronto Greg está inmerso na tensión das festas de rapaces e rapazas, maiores responsabilidades e ata os cambios fisiolóxicos propios da idade, todo iso sen poder contar co seu inseparable mellor amigo, Rowley.Poderá saír Greg adiante polos seus propios medios? Ou terá que renderse ante "A CRÚA REALIDADE"?
Os que xa coñecedes a saga, saberedes tamén da película. Aquí podedes ver o trailler.

venres, 21 de novembro de 2014

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Na biblioteca recordamos a data con marcapáxinas, música, libros, audiovisuais... para sensibilizar, previr ou detectar situacións de risco.
Por exemplo, o noso taboleiro de lecturas.
Máis recursos en biblogcaniza.

CARTAS DE INVERNO EN CÓMIC, 2º A

Versión en banda deseñada de Cartas de inverno, a extraordinaria novela de Agustín Fernández Paz que di dela:
“Trátase da mesma historia, narrada a través da linguaxe do cómic e a través doutra mirada. A capacidade de suxerir que teñen as palabras trasládase aquí ás elipses narrativas. A tensión creada coas palabras trasládase ás imaxes e á montaxe das viñetas. Os estados de ánimo atopan a súa correspondencia na paleta de cores utilizada polo autor. Todas as pezas encaixan para conformaren unha obra con valor de seu. De aí que declare a miña alegría ante a publicación destas novas Cartas de inverno.”


Parte da entrevista emitida no Eirado de Pemón Bouzas o 1 de decembro do 2012, na TVG2
O proxecto de lectura aquí.

BARRO DE MEDELLÍN, 3º+4º

Empezamos lendo Barro de Medellín de Alfredo Gómez Cerdá (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2009).
"Para Camilo e Andrés, os días transcorren vagabundeando polas rúas do seu barrio en Medellín, o mellor lugar do mundo. Camilo ten claro que, cando sexan maiores, dirixirán unha banda de ladróns. Pero Andrés non quere ser ladrón. Iso si, sempre estarán xuntos. O que non imaxinan é que a súa entrada fortuíta ao Parque Biblioteca talvez cambie as súas vidas."
A petición de Xandra Uribe, Gómez Cerdá adaptou a novela e escribiu un guión dramático convertíndoa nun espectáculo musical. Así naceu a primeira obra de teatro musical de integración social sobre esta cidade.

Conta tamén cunha guía de lectura.

xoves, 20 de novembro de 2014

GALICIA LE


GaliciaLe é a plataforma do libro electrónico das bibliotecas públicas galegas que proporciona un servizo de préstamo de obras en formato dixital.
En GaliciaLe o lector atopará dous catálogos: un que contén o “Catálogo do libro electrónico en galego” e outro que aloxa o “Catálogo do libro electrónico en castelán”. Os libros incluídos nestas dúas contornas poderán lerse en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e lectores de libros electrónicos.
 

Para poder acceder a GaliciaLe cómpre:
  • Ser usuario/a con carné dunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Despois é necesario rexistrarse na plataforma como usuario de GaliciaLe.
  • Ter un dispositivo compatible (tableta, ordenador persoal, lector de libro electrónico, teléfono móbil etc.) e unha conta de correo electrónico.

venres, 14 de novembro de 2014

AUTORES E LIBROS MÁIS LIDOS NOS CLUBS

A través de Ler en mancomún, chéganos a relación de títulos máis lidos nos Clubs de Lectura durante o curso 2013/2014.

E tamén os autores que máis se repiten.