luns, 30 de abril de 2012

CLUB ADULTOS

José Mauro de Vasconcelos con "A miña planta de laranxa lima" foi a elección para a reunión do 1 de xuño.
Publicada en 1968, A miña planta de laranxa lima, recrea a infancia de Zezé (o propio autor) na favela carioca de Bangú.
Zezé é un neno de cinco anos que se abre á vida; pero para alguén tan intelixente e sensible coma el, medrar nunha familia pobre non sempre é fácil.
Cando está triste refúxiase en Minguinho, unha árbore de laranxa lima, e no seu amigo o Portugués, dono do coche máis bonito do barrio.
Nesa loita por comprender o mundo dos adultos, Zezé, coa súa mirada tan limpa, chega ao corazón do lector ganándonos sen artimañas.
Aquí podedes escoitar algún dos tangos que tanto lle gustaban e tamén podedes ver un fragmento da película, á espera da última versión de "Passaro Films".

martes, 24 de abril de 2012

Club 3º+4º ESO: Palabras envelenadas

Maite Carranza trata en Palabras envelenadas (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2011) o tema dos abusos sexuais infantís nunha historia de mentiras, segredos, enganos e falsas apariencias.

A novela narra, nun só día, a historia da misteriosa desaparición de Bárbara Molina, de 15 anos, a través de diversos personaxes -a propia vítima, o seu pai, a nai, unha amiga e o policía que investiga o caso da súa misteriosa desaparición.
Desexamos que vos guste e incluse podedes acceder as actividades que a editorial edebé deseñou para esta novela.

luns, 16 de abril de 2012

EXCURSIÓN: CAMIÑATA POR VIGO + VERBUM

Case tres anos para preparar unha excursión e eliximos o mellor día, o do diluvio.
O 11 de abril, os clubs de lectura e escritura do centro xuntáronse para viaxar a Vigo. Dúas eran as actividades programadas.
  • Un paseo por Vigo para coñecer un pouco máis a cidade. Na camiñata, os alumnos debían converterse en guías turísticos que, tras localizar os puntos da ruta, os explicasen ás profesoras que os acompañaban.
  • Visita ao Verbum, museo interactivo sobre a comunicación humana. O noso percorrido, "Sen palabras", centrouse na comunicación non verbal e rematou cun obradoiro no que o alumnado realizou unha animación stop-motion, que consiste en aparentar o movemento de obxectos estáticos por medio dunha serie de imaxes fixas sucesivas. E este é o "breve" resultado: