luns, 30 de maio de 2016

ASÍ O PASAMOS

Aínda que tivemos que improvisar sobre a marcha, pois os xardíns modificaron os nosos plans, creo que non o pasamos mal co cambio. A visita á cidade de Ourense non desmereceu e as compras tampouco.
CLUB DE LECTURA EN ALLARIZ - 2016 on PhotoPeach  
Tivemos, ademais, a ocasión de atoparnos coa nosa profesora de Primaria, María. Foi unha agradable sorpresa para todas.

venres, 20 de maio de 2016

O ESPÍRITO DO ÚLTIMO VERÁN, 2º C

Con "O espírito do último verán" de Susana Vallejo comezan as reunións o Club de 2º B.
Un misterioso soño obriga a Fran a regresar á Casa da Árbore, o lugar no que o rapaz pasaba os veráns da súa adolescencia con toda a súa familia. Agora, A Casa da Árbore está a piques de ser derruída polas escavadoras para construír unha nova autovía. Alí rememora o estraño e máxico verán que viviu antes de se converter en adulto, o último verán da súa adolescencia. O espírito do último verán chámao para cerrar un episodio aínda non concluído. Porque de súpeto, despois de tantos anos e grazas a ese soño no que aparecía a súa avoa, comprende onde permanece oculto o tesouro. O tesouro da raíña moura.
Para ir abrindo boca, podemos ir lendo o primeiro capítulo, así como algunhas curiosidades.
A propia Susana Vallejo convídanos a lelo:

martes, 17 de maio de 2016

ALLARIZ

Visita programada:
  • Roteiro guiado polo casco histórico.
  • Museo da moda.
  • Festival dos xardíns que este ano centra a temática no futuro.
Haberá que levar o xantar.
Dado que o número de alumnos este ano é moi elevado, a selección farase por estrito orde de entrega da autorización ata completar as 50 prazas contempladas.

xoves, 12 de maio de 2016

USHA, 1º C


USHA de María Reimóndez foi a terceira lectura deste curso do grupo de alumnos de 1º B.
Entre os diálogos animados da protagonista, Usha, coa súa amiga Lakshmi, imos coñecendo as vivencias desta rapaza galega en Devastana, na India, a onde vai vivir coa nai.
Aparecen temas como o compromiso e a solidariedade con diversas causas: a pobreza, o ecoloxismo... A nai de Usha é médica e traballa nunha ONG. Aparece o naufraxio do “Prestige". As relación familiares e os afectos son os outros temas importantes do libro. O misterio que xira arredor da figura do pai de Usha durante todo o libro foi o que máis interesou aos alumnos. O libro remata coa promesa de que nos contará, nun segundo libro, o que pasou co seu pai, a quen non coñece. Os alumnos do clube non soportaron tanta espera e decidiron imaxinar e despois escribir outro capítulo para deixar pechada a historia, de vez.
Aquí temos o Cap. 25 escrito por Nacho Domínguez, Brian Gómez, Cristina Esteves Estévez, Jessica Domínguez Álvarez, Ángela Alejandro Crespo, Nerea Sánchez Álvarez e Alejandra Carballo Rivas. Nesta mesma orde.
Non deixedes de ler todos!!!
Elvira Moroño (profesora de Lingua Galega)
       ****************************************************
- Mamá, e que lle pasou a papá?
- Sabía que algún día tería que dicircho.
“Un día, cando estaba na India, coñecín a teu pai; era un home moi amable e todos o querían.Traballamos xuntos durante tres anos, saímos e aos catro anos de coñecernos, casámonos.
Ao pouco tempo tivémoste, pero cando eras un bebé, el tivo que marchar a traballar porque despediron a moita xente da ONG e a el tocuolle irse. Marchou moi lonxe, buscando petróleo. Eu sabía que nunca o volvería a ver.
O outro día cando chamou túa avoa dende Galicia dicindo que fundira o petroleiro, souben unha cousa: teu pai ía dentro. Morreu ao afundir o barco. O petróleo contaminou toda a costa e non se salvou ninguén.
Sinto que non o puideses coñecer, Usha.”
-Non pasa nada mamá.Téñote a ti e aos avós.
-Si Usha, por sorte eu tamén te teño a ti.
Nacho Domínguez
****************************************************

Vouche contar a historia de teu pai……
Eu e teu pai non tiñamos nada de diñeiro e fixo unha loucura.
- Sabes o barco de petróleo?
- Si, mamá.
- Pois un ladrón moi famoso chamado Jarcho convenceu ao teu pai para que tirara o petróleo, pero algo malo sucedeu.
- O que mamá?
- Pois mentres o teu pai tiraba o petróleo, o barco desviouse, chocou contra unas rochas e o teu pai morreu.
- …………
Brian Gómez Martínez

*******************************************************

Miña ma contoume o que lle pasou a meu pai, pero antes díxome:
- Ush, seguro que queres saber o que lle aconteceu a teu pai?
- Si – respondinlle eu toda emocionada.
- Pois entón voucho contar:
“Era un día soleado, raro en Galicia, xa que estaba a comezar a primavera. Teus avós marcharan a un enterro dun veciño e teu pai e mais eu quedaramos sós. Faltaba un mes para que ti naceras.
Estabamos moi tranquilos, ata que escoitamos uns tronos, o que nos pareceu raro, xa que no telexornal dixeran que ía ir sol toda a semana.
Entramos para a casa, xa que comezara a chover tamén.Tan pronto como entramos fun preparar uns cafés para os dous, tres se te contamos a ti. Non nos deu tempo a darlle nin un sorbo, xa que caera un raio no cuberto onde estaban os animais.Teu pai quería ir ver o que pasara, pero eu non o deixei saír por se lle pasaba algo. Ata que por desgraza un trono derribou unha árbore e caeunos enriba da casa. Tan pronto como escoitou o ruído, el sacoume rapidamente de alí por se había máis estragos.
Iamos entrar no coche, mais el entrou na casa para coller o o teléfono e avisar aos avós do sucedido. Nun abrir e pechar de ollos a casa derrubouse e caeulle enriba ao teu pai. Eu puiden escoitar os seus últimos pasos para saír dese inferno. Recordo ese día como se fose onte.“
Ma enpezou a chorar, eu para consolala abraceime a ela e sen darme conta empecei a chorar tamén. Prometeume que ao chegar a Galicia íame ensinar onde estaba enterrado meu pai.
Cristina Esteves Estévez

****************************************

 A mai decidiu contarme a historia sobre o meu pai. Foi esta:
“Hai 15 anos a miña nai aínda estaba a estudar a súa carreira de medicia. Ela estaba namorada dun rapaz moi ghuapo chamado Xoán. Os dous estudaban a mesma carreira. Un día Xoán invitou a miña nai a cear. Esa noite pediulle casamento e miña nai aceptou.

Ao cabo duns anos, o meu pai foi a África con MÉDICOS SEN FRONTEIRAS durante catro meses. Miña nai tamén quería axudar, pero non podía porque estaba embarazada de tres meses e era moi perigoso. Miña nai estaba moi triste. As súa s amigas queríana animar indo de festa pero ela non quixo. Case a diario falaban despois de cear, pero ao cabo de tres meses e medio meu pai xa non chamaba.
Ao cabo duns días mirou nas noticias que uns días en África central houbera un bombardeo nun campamento de MÉDICOS SIN FRONTEIRAS que viñera de Galicia. Ela púxose moi mal, comezou a chamar a todos os lados, a falar coa policía, pero non soubo nada do que pasou. De repente soou o timbre. Miña naI foi mirar e apareceu unha carta do meu pai.”
Querida Margarita
Sei que estás moi preocupada por min, polo que pasou en áfrica. Houbo moitos bombardeos, pero sobrevivíN…Acabei moi ferido e sei que non me quererás ver así. O mellor é que quede aquí. Ámote e sempre estarás no meu corazón. Por favor coida de Usha.
Volverei. Xoán
Ao cabo duns meses nacín eu e ata agora miña nai e mais eu levamos esperando tantos anos.

Jéssica Domínguez Álvarez

***************************************

Ben , como xa vos dixen, miña nai díxome que mo ía contar e agora que mo contou a min, cóntovolo a vós.
“Meu pai foi un gran policía que traballaba na cidade cando eu era pequena. Miña nai díxome que non cheguei a coñecelo porque el mesmo díxolle a miña nai que nos fosemos a un lugar lonxe de onde estivese el, xa que non quería que nos pasase algo a nós.
Cando eu tiña tres meses, meu pai tivo que ir de viaxe a Nova York e botou alí tres semanas. Xusto no día que se supoñía que tiña que volver non volveu. Miña nai estaba moi preocupada, non sabía que facer ata que ao día seguinte apareceu no Xornal unha noticia inesperada. Meu pai estaba moi grave no hospital debido a que houbo un gran atentado nas Torres Xemelgas.
Miña nai estaba moi triste, moi agobiada, estresada, xa non sabía o que podía facer ata que nun momento inesperado chamou un policía dándolle a noticia da norte de meu pai.
E por isto, nunca cheguei a coñecer a meu pai.
Ángela Alejandro Crespo

*****************************************


 Ao final miña mai díxome que xa era demasiado maior para que me contase iso. Ela non mo contou senón que me deu unha carta do meu pai que poñía isto:
“Ola. Son Pepe. Escribo esta nota porque aínda estou no barco que vai para Galicia. Xa pasaron 30 días sin ver á miña filla Usha. Eu pregúntome como estará. Quédannos 21 días para chegar e María, a nai de Usha, díxome que ela ía ir visitarme.
Por certo, acordádesvos de cando Usha chegou á casa e o teléfono estaba a soar e colgou. Pois era eu. Quería axudala, saber como está, como vai no colexio… Despois chamei á nai. Pregunteille que tal estaba, pero non contestaba. Si, colleron o teléfono, pero ninguén contestaba. Oía moito ruído e a María chorar e gritar. Oín o ruído dunha botella. Era moi duro escoitar iso, eu pensaba que estaban a matala, eu coas lágrimas nos ollos dicía que me falara e nada, non contestaba. Seguía o ruído de moita xente, o ruído das botellas rompéndose, pedradas….TODO ERA MOI DURO!!!
Xa me quedan dúas horas para chegar. Os meus compañeiros e mais eu fíxemos unha festa, pero… algo fallou. Resulta que o petróleo que levabamos verqueo ao mar cinco minutos antes de chegar. Eu saín nadando, cheguei á costa, busquei un sitio para descansar. A xente miraba, daba comida e auga. Teño un recordo que nunca se me olvidará. “A miña filla e María vir correndo hacia min e sorrindo”.
Logo buscamos unha casa e sabedes que: “CASÁMONOS OUTRA VEZ” Pero iso si, esta vez vai ser PARA SEMPRE. 
                                                      Nerea Sánchez Álvarez
                               *****************************
Durante a viaxe en avión, miña ma contoume a súa historia de amor con meu pai.
Hai moitos anos, cando a miña nai aínda estudaba Medicina na India, chegara un rapaz novo indio. A ela parecéralle moi ghuapo. Chamábase LuKa, era moreno de pel, co cabelo escuro igual ca os seus ollos.
Coincidiran na mesma clase. El un pupitre máis atrás. Comezaron a coñecerse ao pouco tempo. Facían os traballos xuntos, os deberes, ían á biblioteca, pero sempre xuntos.
Cando remataron os estudos xa eran noivos, eran moi felices, pero un día Luka díxolle a miña nai que tiña que ir de viaxe.
Ao cabo dun mes inda non volvera, pero un día chamou a ma e contoulle algo que ía canbiarlles a vida de súpeto. Os pais de Luka non aceptaban a súa relación e comprometérono cunha rapaza indú coa que casaría dentro de pouco. El negouse , pero os seus pais non ían dar volta atrás. O mozo pola noite intentara escapar pero vírono e encerrárono nun cuarto ata que chegase o seu irremediable futuro. Miña ma non o cría e quedou na súa casa durante dous meses a esperalo, pero non volveu. Chamouno miles de veces, pero nunca lle colleu. Entón ela decidiu volver a Galicia xa que alí estaba soa e foi vivir cos seus pais.
E, ao cabo duns meses, aparecín eu. Pero nunca ninguén, excepto eu, coñeceu a verdadeira historia de meu pai. Despois el deu contactado coa miña mai, pero xa era moi tarde. Ela xa tiña unha nova vida.

                                              Alejandra Carballo Rivas

mércores, 11 de maio de 2016

COMO DESPEDIDA... IMOS DE PASEO

Este curso decidimos despedir a actividade do club de lectura cunha visita á vila de Allariz. E non parece fácil organizar para que todos os que queiran poidan ir.
Temos 50 prazas e 87 demandantes!!! Algún terá que quedar e sentímolo ben.

martes, 10 de maio de 2016

ANIMALADAS, 1º B


A obra de teatro Animaladas de Rafael Alcaraz será a despedida do club de 1º B.
Na sala dos animais africanos dun zoo, hai un león, unha avestruz e unha cebra. Os dous primeiros naceron en catividade, e á cebra cazárona sendo aínda unha cría. Non coñecen outra vida máis aló das súas diminutas gaiolas.
Pero pronto chega un compañeiro novo, o gorila, que si coñeceu a liberdade en África, onde quere volver custe o que custe. Este animal failles ver aos demais que viven encerrados, e explícalles o que é a verdadeira liberdade.

luns, 2 de maio de 2016

MARTA ANTE O ESPELLO, 2º B

Teresa Calo Fontán con Marta ante o espello fará reflexionar aos do club de 2º B
Marta, unha rapaza de case dezasete anos, lembra os últimos meses da súa vida diante do espello. Para ela foi todo un alivio deixar de oír xente facéndolle preguntas, deixar de oír consellos, deixar de oír chorar a súa nai. Mais para Marta foi, sobre todo, un alivio non ter que comer e non ter que facer como que comía, e non ter que vomitar o que comeu para disimular diante da súa familia. O seu desexo é verse reflectida no espello tal como era.Marta ante o espello é un monólogo teatral que aborda con crueza, non exenta de doses de ironía, a difícil situación que viven as rapazas que padecen anorexia ou bulimia, doenzas que poden chegar a provocar a perda do control das súas vidas.
O tema tratado levou ao grupo á busca de materiais audiovisuais sobre a tiranía da beleza. Así descubrimos estes que deron moito xogo nos debates.