E sempre podemos completar a lectura co cine:
Club de lectura Muchachada Lectora, CPI da Cañiza
venres, 1 de decembro de 2023
luns, 13 de novembro de 2023
SUBNORMAL, 3A
A historia real de Iñaki Zubizarreta, un exxogador de baloncesto que na súa adolescencia sufriu bullying, trasladouse ao cómic "Subnormal".
No epílogo, o protagonista define o bullying como “ese monstro con cara de neno que esnaquiza infancias, marca vidas e, nos casos máis extremos chega a provocar que nenos de pouca idade atenten contra eles mesmos”.
Cando estudaba no instituto, Zubizarreta foi o branco de burlas na súa clase. Sufriu moito, ata o punto que de propuxo quitarse a vida como única escapatoria. Este cómic pretende reflectir algunhas das situacións que viviu na súa adolescencia, para que se coñezan e para concienciar. Ademais, pretende dar ánimos aos mozos e as mozas que estean a ser vítimas de acoso para que o conten.
A vida de Iñaki converteuse nun exemplo de loita contra o acoso escolar. Nos últimos anos viaxou por colexios de España dando sesións para pais, alumnos e profesorado. A súa intención é mostrar esta problemática tal e como é, sen filtros e sen xustificacións. Podedes ver unha das súas intervencións aquí.
sábado, 11 de novembro de 2023
INVISIBLE, 2AB
Eloy Moreno con Invisible narra, a través dos ollos dun neno, unha historia que podería ser a de calquera de nós.
O libro, ademais, é como un crebacabezas no que o lector non sabe que está a ocorrer ata que aos poucos todo vai tomando forma. Porque... quen non desexou algunha vez ser invisible e quen non desexou algunha vez deixar de selo?
En definitiva, un libro que trata o tema do bullying desde unha perspectiva distinta: desde a da xente que mira e non actúa.
O autor ofrece incluso unha guía didáctica para traballar a lectura.
REBELDES, 2AB
Rebeldes, de Susan E. Hinton foi a elección deste grupo.
Uns adolescentes neoiorkinos vense envoltos nunha complicada aventura pola inimizade entre dúas bandas. Tras unha pelexa, e sen ser culpables, Johnny e Ponyboy teñen que fuxir.
Durante a fuxida, Johnny arrisca a súa vida por salvar uns nenos dun incendio... e pérdea. Ponyboy regresa a casa cos seus irmáns decidido a volver ao instituto e abandonar unha vida tan chea de perigos.
Tamén podedes descargar a guía de lectura.
venres, 10 de novembro de 2023
MENTIRA, 4B

Temos tan boas referencias que decidimos comezar co primeiro da triloxía de Care Santos.
Xenia loita por sacar as mellores notas, pero ultimamente o seu rendemento académico está baixando. O que ocorre é que Xenia se namorou, pero non dun rapaz do seu redor, senón dunha pantasma, dunha voz que xorde da Internet e coa que comparte a súa paixón pola lectura.
Como o seu amor virtual non quere concertar unha cita, decide localizalo e presentarse ante el por sorpresa. Investigando, descobre que todo é mentira: nin a foto nin o nome do rapaz son reais. Cal é a verdadeira identidade da súa alma xemelga?
Plan lector aquí.
E tamén en audiolibro.
A ter en conta...
xoves, 9 de novembro de 2023
MARXINADOS, 2D
Marxinados, de Pepe Carballude é a elección.
Trátase dunha historia de persoas que viven, dalgunha maneira, fóra do mundo. Pero que tamén queren cambialo.
Fálanos dunha estrela do baloncesto que termina traballando como educador no internado onde foi criado; aínda que tamén está alí chamado por unha historia de amor...
mércores, 8 de novembro de 2023
UNHA ESTRELA NO VENTO, 3C
Os integrantes do Club de lectura de 3ºC terán a oportunidade de ler a novela "Unha estrela no vento", da autora viguesa Ledicia Costas.
A novela trata a peripecia de Miguel Foz, un rapaz de dezasete anos que vai coñecer unha moza xitana que, no intre de venderlle unha rosa, cambiará a súa vida por completo. As paixóns, a amizade, o amor, a violencia, a infidelidade e a traizón mestúranse nesta historia que non olvida tampouco problemas sociais como o acoso escolar ou a integración das minorías étnicas.
Conta tamén cun proxecto de lectura.
Quen se anima a ser un "booktuber" como este alumno de Allariz? Agardamos as vosas creacións.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)